Friday 03 de May de 2024

A Xunta mellora a oferta educativa nas Pontes de García Rodríguez unificando o bacharelato no IES Moncho Valcarce e ampliando as optativas ás que poden acceder os alumnos


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiu a unha representación dos pais e mestres do IES Castro da Uz, e ao alcalde, Valentín González Formoso

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mellorará a oferta educativa nas Pontes de García Rodríguez ao concentrar os ciclos de Bacharelato no IES Moncho Valcarce, consolidando deste xeito unha situación que xa se viña producindo na práctica dende o inicio do curso 2015/16. Con esta iniciativa a Xunta de Galicia abre o abano de posibilidades aos alumnos que agora disporán de máis opcións para orientar os seus estudos universitarios.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe a representantes da comunidade educativa do IES Castro da Uz, que foron convidados a unha reunión na que tamén estiveron presentes o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana. No transcurso do encontro, Rodeiro explicou que a decisión da consellería responde a criterios de racionalidade e de optimización dos recursos.

A decisión remata coa situación incongruente que provocaba o mantemento de dous centros separados por escasos metros e con ofertas educativas duplicadas. O IES Moncho Valcarce queda en condicións de ofrecer de cara ao vindeiro curso un máximo de 99 prazas de Bacharelato, suficientes para dar resposta á demanda da localidade.